Thursday 09 de May de 2024

A XVII Xuntanza de Bandas de Música convértese nun recoñecemento ao labor de Fernando Gontad


O que fora director durante máis de 20 anos da banda local foi homenaxeado nunha Alameda abarrotada de xente que desfrutou do ‘Concerto a tres bandas’, con máis de 120 músicos de Ordes, Arca e Boiro

A XVII Xuntanza de Bandas de Música congregou a máis de 120 musicos, compoñentes das formacións de Ordes, Arca e Boiro. O ‘Concerto a tres bandas’ arrancou na tarde de onte cun pasacalles que transcurriu por boa parte de Alfonso Senra e que puso a todo o público en pé á súa chegada á Alameda de Ordes, espazo onde habitualmente se leva a cabo esta cita.
Os directores das tres bandas, Manuel Otero, José María Blanco e e Martín Baleirón, foron os encargados de dirixir en distintos momentos o concerto. Ante unha Alameda chea a rebosar de xente puidose desfrutar de títulos como ‘Leyenda del beso’, ‘Ponteareas’, ‘Ross Roy’, ‘Children of Sánchez’ ou ‘Witch and the saint’. En todo momento a corrdinación e compenetración das tres formacións foi perfecta, ofrecendo un concerto de altísimo nivel axudado tanto polo emplazamento como polas excelentes condicións meteorolóxicas que se deron. “Nótase que estes tres directores enténdense entre eles. Cando pasa isto é moito máis doado facer cousas coma esta e pon fácil o traballo para os instrumentos”, comentaba unha das integrantes da Banda de Ordes ao remate do concerto.

Entrega de agasallos
Pero sen dúbida o momento máis emocionante foi cando tocou falar da traxectoria e do traballo feito por Fernando Gontad, director da Banda de Ordes e mestre e director da escola de música local ata o ano 2015. Unha vez máis o veterano músico agarrou a batuta e dirixiu novamente á que fora a súa banda e os seus pupilos durante máis de 20 anos. Para a ocasión ningunha peza mellor que ‘Maximino’, tema composto por el mesmo na memoria do seu compañeiro e amigo Maximino Boga. Tras a entrega de agasallos e placas de mans do alcalde de Ordes e do concelleiro de Cultura, José Luis Martínez Sanjurjo e José Manuel Mira, así como por parte dos membros da mesma banda e da Asociación Amigos da Música de Ordes, Fernando Gontad dirixiuse ao público para agradecer “un momento tan especial”. Aproveitou para dar un último consello, apelando “á sensibilidade que precisan os músicos para poder transmitir emocións e sensacións”, insistindo en que “é importante ser boa persoa” para gañar en calidade musical. Por último recoñeceu ante todas e todos “a satisfación de todos estes anos de traballo e de poder traballar con tantas persoas en todo este tempo”. Todo isto ante a atenta mirada da súa dona, Luisa Porto, quen tamén foi obsequiada cun ramo de flores.

Por outra parte a Asociación Amigos da Música de Ordes tamén quixo recoñecer o labor e apoio que o Concello de Ordes está a realizar en materia musical, polo que lle fixo entrega de agasallos tanto ao rexedor como ao edil presentes.

O ‘Concerto a tres bandas’ englóbase nos actos de conmemoración do 25 aniversario da Banda de Música de Ordes, nos que tamén destacan a gravación dun CD coas pezas máis sinaladas, ou a celebración o pasado febreiro dun concerto a carón de Vaamonde, Lamas e Romero. Na súa posta en marcha a Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes contou coa colaboración co Concello de Ordes e coa da Deputación da Coruña.